sábado, 5 de enero de 2008

Outro día volvemos, vale?

A Z. vai ampliando o seu vocabulario e últimamente sorpréndenos con frases que adoitamos repetir nós. É curioso porque non somos conscientes de que as utilizamos ata que llas escoitamos dicir a ela.
Onte ó saír da reunión do grupo de lactancia e cando estabamos xa na porta á Z. pregunteille coma sempre se o pasara ben, e ela respostou: "Si, otio hría momemos, vale?".
Debín poñer un deses sorrisos de nai e ela adicouse a repetir a frase o resto do día, ó saír do ordenador de ver Heidi, ó saír do baño... Sorpréndeme o ben que a utiliza, vese que entende ben o significado. Seguro que parezo parva dicindo isto, pero sorpréndome moi a miúdo con estas cousas, a pesar de saber que entenden moito máis do que nos poida parecer.

Ademáis hai outras frases moi utilizadas últimamente: "e po que no?", "si, pero..." e sen dúbida as que máis: "da susto" ou "da medo". Da medo añaña, da susto gavilán, da susto ruido, ou calquera outra cousa descoñecida da que acaba de aprender o nome co susto e repíteo.

Últimamente fomos varias veces ó teatro aproveitando a campaña de nadal, pero creo que levou un pequeno trauma con cada unha: En "No soy una lagartija" había un monstro que daba susto, en "Un avó especial" (na que chorei, por certo, que me pareceu un pouco dura para os nenos aínda que reflexe a realidade. É moi triste) había unha treboada e "dan susto tronos". E aproveitando a visita ós avós fomos ver "El elefantito" xunto coa curmá Elena e deu susto o crocodilo, a noite,... todo daba susto, tanto que cando chegamos a casa e a avoa tartaruga lle preguntou se fora ó teatro respostou: "Si, no uta teato" e faltoulle dicir "e non me volvades sacar ese tema, por favor".

Creo que non vai dicir nunca "otio hría momemos o teato, vale?"

Por certo, encantoume a posta en escena de "El elefantito", os materiais empregados (o elefantiño era unha camiseta e súa nai un coxín, a xirafa era unha bota, as árbores unhas bufandas e unhas saias colgadas nun tendal, a galiña de guinea dous plumeiros, o crocodilo unhas aletas verdes, a auga unha tea de seda azul... preciosa, preciosa, aínda que ós curmáns non lles gustou tanto porque eran "de mentira").



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir