jueves 29 de noviembre de 2007

Norway IV: despedida

Así foi a volta a casa, un día enteiro de aeroportos e as últimas vistas marabillosas antes de abandoar o país... voltaremos?

A espera

Sobre Bergen e arredores

para os días grises...

E reflexión para os días grises: "por riba das nubes sempre brilla o sol"

Nota: graciñas a Aivou por utilizar a San Google, atopar a Olomán e fozar e fozar ata que cambiei o meu blog para que colleran as miñas fotos... grazas, mellorou moito, eh?

martes 27 de noviembre de 2007

Norway III: impresións

Dende logo Noruega é diferente, pero descubrimos moitas cousas inesperadas, unhas para ben e outras para non tan ben...
Xa vos falei do innombrable da caza de baleas (todo mamífero acuático é balea, non sabes se o que cazas está en perigo de extinción) e de focas, das que venden souvenirs en todas as tendas. Sei que non debería chocarme isto porque un país de tradición baleeira imaxino que non deixa de selo dun día para outro, pero igual foi culpa miña non estar ben informada.
Se cadra foi todo cousa da miña desinformación, pensei que era un país como Alemaña, concienciados do importante da conservación do medio ambiente e da vida natural: e descubrín un país con luces acesas permanentemente, sen apenas recollida selectiva de lixo nas rúas (nos supermercados había recollida de bolsas e botellas de plástico), e cazando baleas e focas e sentíndose insólitamente orgullosos delo.
Igual todo viña pola idea dos partos naturais, a posibilidade de elección incluso para unha primeiriza de onde e como quere parir (na casa, nunha casa de partos, no hospital) e iso é certo e está xenial,... pero o seguimento do embarazo é, posiblemente, escaso: unha soa ecografía durante todo o proceso, na semana 20 (imaxino que a morfolóxica) pero que non da opción, por exemplo á medición do pliegue nucal para descartar o síndrome de Down. A sanidade privada non é unha opción para facer outro seguimento. A nosa amiga ten un pequeno problema, nada grave, pero que necesitaría seguramente seguimento, e a consulta máis próxima por un médico privado dábanlla para mediados de xaneiro, xa que so consulta os luns e ten a axenda a tope.

A raíz de todo isto descubrimos que a súa gráfica salarial é prácticamente plana, é dicir, que un xardineiro, ou un peón cobran prácticamente o mesmo, e traballan o mesmo número de horas, qeu un médico ou un enxeñeiro, así que, ademáis de ser un país con moi pouca poboación teñen unha grande falta de profesionais, xa que non lles merece a pena estudiar, adicar tempo e esforzo que non verán reflectidos no futuro. Iso asegúrame, iso si, que os titulados universitarios son realmente vocacionais, e seguramente se adicarán máis ó seu traballo e con máis ganas.
Faláronnos dunha investigadora española que traballou varios anos para a universidade e marchou contando a frustración que sentía ó ver que dos alunos que comezaban a súa tese, programada para rematar en 3 anos ó mellor, ían facendo paróns: casaban, tiñan un fillo, tiñan outro, os tres anos convertíanse en 7, ou nun número indefinido... Para min sería o ideal, pero recoñezo que dista moito do que vivimos aquí, onde a familia e o resto da vida queda relagada a un terceiro ou cuarto plano despois dos estudios e o traballo.

A familia chama moito a atención: todas nais novas, con dous fillos polo menos e con moito tempo para adicarlles. Ely contounos que non sabía ben como era o permiso de maternidade, pero cría que polo menos un ano ou outra opción que era un par de meses menos con redución de xornada, e se cadra, isto (xunto cos partos respectados) é o que explica a súa media de aleitamento dun ano. De media!!! Podemos facer unha media en España? Ou nos da un número negativo?
Todo o mundo ten un horario razoable, poñamos de 10 a 3, e o resto adícano á familia, e supoño que é así como se pode manter... ou non, porque a tasa de divorcios é do 50%, demasiado tempo na casa?
Creo que nos falta moito para comprender este estilo de vida, pero eu inclínome a pensar que sería máis feliz que co que nos toca vivir no noso país, encaixa máis comigo polo menos.

Sorpresa tamén polos supermercados. Da maioría dos produtos hai monopolio, se queres mercar leite, so existe Tine, e margarina e iogures, e queixos, e todos os produtos lácteos. Das que hai variedade hai dúas marcas, unha delas tamén existe aquí. Con dicirvos que eles consideran o mellor supermercado o Lidl, porque ten produtos diferentes... Non existe nada semellante a un hipermercado (ou polo menos non o descubrimos nós). Ademáis toda a carne e os embutidos veñen preenvasados, tampouco vimos ningunha carnicería-charcutería en ningún supermercado, nin pola cidade. Nos supers ós que fomos tampouco había peixería, o único peixe fresco que vimos foi o do mercado do peixe no muelle, onde eles non mercan e que existe básicamente para timar ós turistas.

Os prezos, desorbitados para o noso peto. Comentabamos que a eles lles sae máis barato vir pasar a fin de semana a España, contando avión, aloxamento, comidas e compras, que pasalo na súa casa.

Moi ricos, os panes, moitos panes de moitos tipos. Todo o mundo fai pan na casa, e ademáis de vender ingredientes para facelos en todos os supermercados (e disto si que había máis variedade que aquí), tamén hai moitos preparados panificables. Unha mágoa que non se entenda nada de nada o noregués, imposible descifrar o que estás mercando. Non nos arriscamos, pero a anfitriona fixo un pan de avea cun dos preparados que ó Moucho lle encantou, a ver se atopo unha receitiña...

Aínda non comprendín moi ben que estructura de comidas teñen alí. Sei que os nenos marchan a cama cando se fai noite (ás 4 da noite? e cando espertan? ás 4 da mañá?), e que o horario da cea comeza ás 12... do mediodía, pero so os avoíños cean a esa hora, a maioría da xente a mediodía fai o xantar, que é un tentenpié máis que unha comida. Os restaurantes pechan ás once da noite, que podo imaxinar que serán como as 2 da mañá por aquí, así que agora entendo a cara coa que nos miraban cando entramos a cear ás 9 coa Z, debeulles parecer un sacrilexio ter a unha nena pequena esperta a esas horas. Curioso, que habendo tantos nenos non os saquen con eles a cear, dicía eu...

Gustoume o ambiente das rúas, cheas de xente nova e de nenos, sen presa

Teño que recoñecer a calidez dos fogares a pesares do malgasto de enerxía, que imaxino que será para intentar compensar a falta de luz no inverno, da igual o estilo de decoración, as luces indirectas, as ventanas sempre decoradas e sen cortiñas, o chan de madeira descalzos... Non sei se vos falei do ben illadas que están as casas: as paredes exteriores son de madeira, unha cámara con aislante dun palmo de ancho, e un panel interior de escaiola fan as paredes quentes e insonorizan totalmente uns pisos dos outros (aínda que imaxino que as paredes entre os pisos non teñen ese grosor). As fiestras métense nun burato como nas casas vellas de paredes anchas de pedra, pero pola contra non meten frío, o climalit ten unha cámara de aire 3 veces maior que os que temos nós. Pódeste sentar xunto á fiestra e non notas frío. Son tan estancas que as habitacións teñen ventilación interna para que exista renovación de aire, e as portas están levantadas 3 centímetros do chan para que faga bo tiro.
Teñen tanto medo ós incendios (a cidade ardeu varias veces) que as casas teñen sistema anti-incendios integrado, e se se lles estropea unha lámpada non a amañan eles cortando un pouco os cables e volvendo a poñelos como fariamos nós, chaman ó electricista.

A escola comeza ós 6-7 anos e entre outras cousas apréndenlles a amañar o coche, construir a casa, cociñar, ... útil e básico, se realmente é así, o que poderían aprenderche teus pais en todo ese tempo para estar na casa coa familia.

Hai qeu dicir que un dos españois que coñecemos que levaba ano e medio traballando alí notábase que estaba queimado e so lle escoitabamos falar mal dos noregueses, palabra tras palabra, e unha das cousas das que falaban era do pouco que lles gustaban os extranxeiros, pero prefiro non facer moito caso e pensar que é pola xente que lle tocou coñecer, qeu haberá de todo en todos lados.

E unha vez máis redescubrimos o burriños que somos os españois en canto ós idiomas... tod, absolutamente todo o mundo fala inglés nun nivel máis que aceptable (isto quere dicir que o meu chapurreo queda totalmente ridículo, pero como son listos, aínda me ían entendendo :-) )

Seguro que me quedan cousiñas por contar, se lembro máis e teño tempo igual da para un Norway IV.

Déixovos a foto dunha cafetería á hora do "xantar", todos os carriños que vedes aí aparcados tiñan os bebés no interior, mentres as nais, dentro da cafetería, vixiaban tomando o café na cristaleira mirando cara fora... !!!

Parking de nenos


jueves 22 de noviembre de 2007

Norway II: Bergen

En Bergen é onde viven os nosos amigos, así que alí pasamos o resto da semana.
A pesar de que se lle supón unha poboación de 250 000 habitantes o dato é un pouco irreal porque Bergen recolle toda a poboación dispersa que hai na extensión dunha provincia española, mentres que o que é o centro, a cidade en sí, é unha vila pequena, eu diría duns 50 000. Preciosa, iso si.

O malo: que dende agosto-setembro e ata maio-xuño non hai nada!! Nós queriamos facer unha das viaxes polos fiordos pero de todas as que hai so unha funcionaba, a Norway in a nutshell, da que a metade do percorrido xa o fixeramos no tren, así que desistimos. Así que importante, se queredes visitar museos ou facer un percorrido por algún dos fiordos, ide no verán, onde teredes ademáis moitas horas de luz para gozar das paisaxes.
Por certo, o tren debe ser precioso no outono porque moitas das árbores son de folla caduca, así que seguro que setembro é boa época para visitar Noruega.

A verdade é que coa Z. case nos viña ben que os días fosen tan curtos porque nos daba tempo a descansar un ratiño na casa pola tarde antes de cear, e como o clima non é moi agradable para pasear sen máis...

Seica aínda tivemos sorte de que orballase todos os días agás o último antes de marchar, que fixo un sol espléndido como despedida, porque din que so existe un tipo de chuvia en Bergen: a ducha. O certo é que adoita facer moito vento e os paraugas son inútiles, pero non por iso a xente deixa de saír á rúa. Sempre hai xente facendo deporte, paseando, de compras, ... os nenos saen todos os días fora, incluso nas gardarías (que non abundan) están varias horas fora. Di Ely que lles quitan o medo ó mal tempo dende pequenos porque senón non poderían saír de casa. Xusto frente á fiestra tiñamos un campo de fútbol onde había xente de todas idades a calquera hora e todos os días dándolle patadas ó balón. Esa parte é envidiable porque eu coa chuvia quedo na casa de mal humor e aburrida, e xa vexo que non é necesario, incluso facendo máis frío que aquí.

Preciosas as contrucións, as casiñas de madeira de dous andares, as rúas empedradas (seica son mellores contra a chuvia e o xeo, aínda que nos pareza o contrario... para mín que aquí non sabemos empedrar), as montañas rodeando a cidade por un lado e polo outro o mar do fiordo, as casiñas do bryggen...

rúa e casiñas

O Moucho namorouse da Fiskesuppe, prato típico, unha sopiña cremosa de peixe... mmmmm, e viñemos para casa cargados de sobres de fiskesuppe knorr, jeje. E probamos tamén a carne de reno, moi tenra e suave, os dous pratos estrela xunto cun peixe conservado en sosa que non me atrevín a probar, e a carne de balea que non ía probar de ningunha maneira, a pesar de que no mercado do peixe (onde eles non mercan, e nós tampouco) nos insisían en que a probaramos. Parece que o tema da caza de baleas e focas non se pode sacar falando cos noregueses...

fiskesuppe

reno

Subimos nun dos funiculares nun escampo, o Floi banen, e cando chegamos arriba o que semellaba néboa dende arriba e que resultou ser chuvia abaixo, volveuno cubrir todo e quedamos coas ganas dunhas boas vistas.

media vista dende o Floi banen

Atopei dúas tendas de la, nada fora do normal, a verdade, pensei que ían ter moita máis variedade, aínda que máis que aquí si que había, por suposto), así que merquei algunhas cousiñas para facerme o meu propio souvenir e gastei unha pequena fortuna. Atopei tamén os contavoltas nunha delas, aínda que as dependentas non sabían que os tiñan (!?) ou eu non sei como se chaman en inglés, claro, que é moi posible.

Ademáis vimos a un rapaz soprando vidro e non puiden resistirme a levar unha das pezas feitas a man, un pequeno cacharriño para poñer unha candea por so 250 NOK!!!! (unhas 5000 pelillas ou 30€).

artesán do vidro

souvenirs lanares e demáis

E tiven tempo para tecer un ratiño cunha la de sobra que levaba para Nemo (o da foto) e Txukun, agardo que o desfruten.

IMG_0380-2

Moitas grazas para os anfitrións, que se portaron xenial connosco, así a calquera lle quedan ganas de voltar... hoxe botei de menos as fiestras con luz, que cousa!

PD: Algunha fotiño máis no flickr.
Por certo: pódeme explicar alguén por que este blog ten a coluna das entradas tan estreita que non me collen as fotos? Teño algunha maneira de amañalo?







miércoles 21 de noviembre de 2007

Norway I

Ai! Xa estamos de volta, teño tantas impresións que compartir, tantas cousas que contar...



'



Vou comezar contando que a noxa viaxe non comezou todo o ben que debera. Marchamos cara Oslo o martes 13, e claro, tiña que pasar: perdéronnos unha maleta. A importante, a miña maleta, a máis importante porque levaba máis cousas e tamén cousas con máis significado: o xersei de pirata que lle fixen a Z., os meus mitóns, un xersei moi quentiño de meu pai que usaba cando estaba embarazada, libros, un deles recén comprado ese mesmo sábado despois de escoitar a Michel Odent e asinado por el (snif, snif), os regaliños que levaba para a miña amiga Ely... non quixen pensar moito máis no contido porque tamén había un vaqueiro meu e outro da Z. sen estrear, igual que o seu chándal. Agora aínda me debato entre a esperanza e a resignación.

É unha vergonza que o avión siga aparecendo como un medio de transporte glamuroso cando é o que peor funciona: pérdese de todo, non che dan garantías de nada, incluso poden vender máis billetes das prazas que teñen e é normal!!!



En fin... chegamos a Sandefjord onde tiñamos xa reservado un Bed&breakfast para aforrar as trintamil pelas de hotel (síntoo, sigo pensando en pesetas, e despois desta viaxe aínda máis, o cambio é moito máis doado 1 NOK=20 pesetas). Era de noitíiiiiisima cando chegamos dende as 4 que se fai noite, así que puxémonos a buscar a casa dende a parada do autobús, uns 10 minutos andando pola escuridade. Chamounos a atención a luz nas casas: todas as habitacións estaban iluminadas con moitas lampadiñas, non coa luz directa que usamos nós habitualmente, e ademáis... había outra cousa, non había persianas nin contras, e non usaban cortiñas, por iso viamos tan raro o das luces. Despois foron os nosos amigos quen nos contaron que o luteranismo maioritario en Noruega fai que non poidan mirar dentro das casas. Supoño que non todos serán luteranos, pero teño que dicir que esa transparencia me pareceu moito máis agradable que o noso encerro, non nos custou afacernos.

E sobre a habitación, todo detalles: un cestiño con flores frescas que a Z. se encargou de esnaquizar mentres eu pensaba de onde as sacarían co friísimo que facía fora, un quentador para auga e tes, galletas e chocolatinas, e algunhas fotiños que vos deixo.



outro detalle



mañosa detalle b&b


Non puidemos ver de Sandefjord máis que o camiño colina abaixo dende o b&b ata a estación de tren, onde collemos o tren a Bergen. Máis de oito horas de viaxe que foron a metade de curtas que as tres horas e vinte de avión. Un vagón prácticamente para nós sos (e outra nena co seu pai), un espacio para xogar (máis destrozado do que crimos que estaría) e moita calorciña. E o mellor de todo... xa o vedes. A pesar da velocidade do tren, os reflexos nos cristais, as protecións da vía para os aludes e as nevadas e a posta do sol tan cedo (case dúas horas antes da chegada a Bergen) aínda conseguimos sacar algunha foto presentable, pero había moito máis que pasou axiña polos nosos ollos e que agardamos que permaneza máis tempo nas nosas memorias (aínda que da miña non podo agardar moito). Faltan as fervenzas do final do camiño, fugaces e sen apenas luz para sacar fotos, preciosas, preciosas.

Cando chegamos a Bergen a nosa anfitriona confesounos que se enterara falando cunha nativa de que se había moita neve paraban o tren, pero que nunca llo dicían ós de fora porque se non non iría ninguén. Alédome moito de non sabelo antes porque a experiencia merece moito a pena e seguro que coa Z. non nos arriscabamos a quedar no medio da neve ou voltar atrás. E do Moucho xa non digamos... a partires daquí pasou a viaxe ideando estrataxemas para vivir en Noruega no medio da neve.

mosaico Bergensbanen

continuará...


viernes 9 de noviembre de 2007

Dashing rematados e unha flor...

Por fin os rematei!! A tempo para marchar de viaxe coas mans quentiñas (os dedos non tanto, jeje). Teño que poñelos unhas cantas veces para ver se ceden porque coido que ese medio número das agullas facíalle falla.

Dashing

Ademáis déixovos a fotiño dunha flor especial... non digades nada, que é un segredo.

flor :P

E xa pasou o sábado, voltamos a casa antes de marchar de viaxe, e aínda non teño a invitación de ravelry, cachis!!!

lunes 5 de noviembre de 2007

Ravelry

Ó final sucumbín.
Non dixen nada, pero hai xa doce días que me apuntei a Ravelry (aleeeee, máis cousiñas que ver). E agora mesmo quédan 4489 persoas por riba de min, as invitacións estánse enviando a un ritmo de 1000 por día, así que botando cálculos a miña invitación chegará aproximadamente o sábado!!!
Non pode ser! Para que me apuntaría xusto ese día, marcharemos de viaxe sen botar unha ollada...
Irei para Noruega a ver un mundo distinto e voltarei a casa a ver outro, jeje.

Non sei se os precios das lás serán tan prohibitivos coma todos os demáis, pero facíame ilusión mercar algo para facerme un recordo, e de paso uns contavoltas, xa que aquí non existen e eu non son quen de levar a conta de máis de tres voltas se non as vou apuntando nun papeliño ( e aínda así...)
Por certo, quero encargar o Last Minute Knitted Gifts, pero mentres non me chega... alguén pode dicirme a la que necesito para a Chevron Scarf? Gústame o efecto a dúas cores e seguramente en tonos verdes. Unha axudiña?

Edito para especificar que non me refiro á marca de la nin o tipo, senón á cantidade, grosor e número de agullas... por facerme unha idea do que necesito, que non teño nin idea...


domingo 4 de noviembre de 2007

Érase unha vez...

A carapuchiña vermella e a súa avoíña


... a miña carapuchiña vermella lendo contos sen lobos (malos polo menos) coa súa avoíña tartaruga.


A que está guapa coa capa? Fíxolla a bisavoa, e está de conto :-)

O outro día debuxou as súas primeiras caras, quixen gardalas, pero despois de facer dúas caras (moi ben explicadiñas: ollos, pelo), fixo unha chead e raias por riba de múltiples cores, e xa non as identifico, se atopo algunha solución (se aprendera a usar o potochó dunha vez...) intento subilas para que queden gardadas...

Pero a alma de artista véselle á tartaroucha en máis cousas que no papel... isto foi o que fixo sacando as cousas do especiero da cociña. É ou non é unha artista?

Obra dunha artista

Ademáis pégovos unhas fotiños do meu cactus florecido en pleno novembro (vive no exterior nunha fiestra do lado sur), para que logo digan que o tempo non está tolo... seguro que causa máis males ca este.

Cactus en flor Cactus en flor

jueves 1 de noviembre de 2007

Samaín




Foi onte a noite de Samaín. Eu non fago nada de momento, e ata o ano pasado teño que recoñecer que lle tiña un pouco de tirria, non me gustaba nada que se convertise nun antroido americano, xa temos o noso, para que queremos outro? E o peor era que sabía que con nenos, como moitas outras cousas que non me gustan, ía ter que tragar. Pero entón tiven unha longa conversa coa Aivou e descubrín o Samaín, non o Halloween americano senón o noso Samaín.




E se queredes descubrilo e/ou contalo de mellor maneira facédeo como mo fixo a min Aivou: cos Barbanzóns e A noite de Samaín.





Nota: a foto e a cabaza son propiedade de Aivou, va que molan?