Por fin, despois de esquecer a cita o 4 de xuño para a vacina, e con case 19 meses, fomos á revisión dos 18. Tocaban dúas vacinas, unha delas púxolle todo o muslo inflamado á pobre, tanto que non quixo quitar a "etiqueta" e anda cun anaco de esparadrapo aínda colgando e en non moi bo estado, pero eu non penso quitarllo. O caso é que ademáis das vacinas, coma sempre, medírona e pesárona. Suponse que isto debería ser unha medida de control para detectar enfermidades (se un neno non medra ou adelgaza durante unha temporada haberá que buscar posibles enfermidades), pero pola contra convertiuse na base da pediatría moderna: hai que mirar se o infante "pesa e mide o que se supón que debería pesar e medir". Nós non temos demasiado problema coas nosas enfermeira e pediatra, sospeito que, en parte, porque sabe que temos as cousas moi claras e que estamos informados. O caso é que desta vez sorprendeume que me felicitase polo ben que ía a nena, cando normalmente o comentario é un "todo ben", máis ben seco, insinuando que sempre se pode mellorar. Cando o Moucho chegou a casa preguntoume que vacinas lle tocaran desta vez, e eu fun a pola cartilla e de paso curioseei na táboa dos famosos percentís (e non a actualizada para nenos de peito), e que sorpresa!! Entendín entón a efusividade da enfermeira cando vin que a Z. pasara do seu percentil 10 raspadiño dende que naceu (é que saíu ó pai, jeje) ó 25 pasado, en 3 meses. Pero como dixo a "sabia" enfermeira, sempre vai moi compensada porque está no 25 de peso e de altura. Vaia, que deu un estirón, ou os demáis nenos tiveron unha paradiña. En fin, curiosidade aparte, dame mágoa non poder dicir máis iso de "é que é miudiña... a miña mincha".
E seguindo coa revisión, outra cousa que me sorprendeu gratamente foi a información da enfermeira sobre a etapa: "xa verías seguramente que é unha época complicada: que o que queren agora con toda a súa alma dentro de 5 minutos non o queren ver diante, ou quéreno pegado durante 2 horas... pero hai que ter paciencia, que todo pasa". Poissss un puntiño máis para a enfermeira Susana.
Do que non nos dixo nada foi dos medos, tamén hai unha etapa dos medos? A Z. (non o vou dicir moi alto) ven de superar un medo terrible á bañeira, que durante varios meses fixo que so usase a ducha e algunha vez a bañeira en compañía. O caso é que de súpeto un día decidiu que bañarse cunha pelota podía estar ben, mirou un pouco mal á alfombra no primeiro momento, pero levamos días indo felices ó baño, e sen necesidade de compañía... Pero semella que ese medo trocouno por outro: as motos. Co que lle gusta velas cando vai no coche!! Puido ser o outro día, que un repartidor subíu á beirarrúa pegado a nós... Dende entón asústalle calquera ruido de motor de vehículo (a pesar de que diferencia claramente un coche dunha moto ou dun tractor), cos días tan bos que, por fin, estamos tendo, a pequena non quere saír fora se non é no colo, así que nin xardín, nin auga, nin paseo, nin nada de nada, enclaustradas ou a gastar cartos no súper. Cantos medos máis nos quedarán por superar?
sábado 28 de julio de 2007
Adeus mincha, ola medos
Indescifrables
Para desgracia da Z. hai certas palabras do Z-nario que aínda non foron descifradas a pesar de repetilas ata a saciedade en diferentes contextos e ocasións.
non podo para de pensar cada día que quererá dicir cando nos di "nn careras". E non, non son as escaleiras, se o estabades pensando. Hoxe pola mañá díxoo cando quería baixar dunha silla, por exemplo.
Alguén nos axuda a mellorar a nosa comunicación verbal?
lunes 23 de julio de 2007
Cousas inesperadas
Os fillos están deseñados para gustarnos a cada paso que dan: cando son recén nacidos, tan indefensos, tan necesitados de nós, provócannos sensacións incribles; cando empezan a fixar a súa mirada gústanos; cando collen cousiñas coas mans a vontade comémolos; cando comezan a gatear e despois a camiñar... que orgullosos estamos!! A cada avance que dan, os pais sempre dicimos: "Esta época é a mellor..." seguro que cando pasen todas temos algunha favorita, pero a min de momento o que máis me gusta son os avances inesperados.
Explícome: todos agardamos certos momentos da súa evolución: cando comezan a gatear, a andar, a falar,... Pero hai outros dos que ninguén nos fala e que son taaaaaaaaan taaaaaaaaaaaan taaaaaaaaaan... ¿gozados? Non atopo a palabra, pero seguro que sabedes a sensación á que me refiro.
Coa Z. gocei enormemente cando comezou a levantar os brazos en direción ás mangas da camisa, ou cando cambiou a primeira vez (e a segunda) de man ó gatiño para poder vestila, cando colleu un dos seus queridos "nenés" (que eu tanto aborrecín toda a miña vida) e o acunou e me mandou darlle teta para que non chorase (snif, snif... Hai que dicir tamén que agora toma teta todo, pero todo todo, incluindo a coleción completa de animais de peluxe, coches, bloques de construción, un pau, un peladillo, ...), ...
Últimamante estou a descubrir os momentos pola noite nos que non durme coa teta pegada á boca (que son poucos pero comezan a existir), toma un pouco e despois sóltase e ás escuras repasa todo o vocabulario: atulll, chila, peiches, moto, tinco, tesss, un, peneno, memello, mamelo, panco, tacho, tutúas, ... e así pode estar media hora, mentres eu teño un sorriso imborrable que seguro que se puidese ver a desconcentraba do seu repaso.
Tamén me marabillo da habilidade de escoller o xogo que pertence a cada persoa: cos avós mouchos pregunta polo galo e os "ninicos", cos avós tartarugas polos coches que se ven dende a terraza, e a avóa dille coma ela: "Ola fea!!!", á tía Lú ponlle unha mirada medio revirada e agarrando o primeiro que atopa solta "mío!! mío!!", sabe como contan papá e mamá cada conto e a cada un esixelle o seu, a papá pídelle que lle dea co pé á "patapa" en canto a colle no colo e a mamá nuuuuunca...
Cantas cousas temos por descubrir... aixxx.
Somos únicos os tartarouchos... ou non tanto?
martes 17 de julio de 2007
Indo de viaxe
Os Tartarouchos fomos de viaxe esta finde, compartimos coche cunha familia amiga, ou mellor dito eles compartiron o coche connosco (o coche era deles, jeje). A Z. foi durmindo case todo o camiño grazas a teta e a flexibilidade da súa nai para poñerse nas posturas máis inverosímiles encaramada na silla esa elevada na que ía... non sei se vos facedes unha idea, pero menos mal que os cristais do coche eran tintados, e me librei das miradas e comentarios dos demáis coches... ata é posible que se evitara así algún accidente ;-)
Ademáis do Moucho, a Z. e máis eu, viñan no coche a miña amiga C. e os seus fillos o X. e a S. de case 7 e 4 anos respectivamente. Do máis ocorrentes, jeje: rifaronlle ó Moucho polo camiño por ir comendo e conducindo ó mesmo tempo "non sabes que para conducir hai que usar as dúas mans?".
O mellor foi a S.:
"Ei!!! Moucho!!! Ei, ei, ei, Moucho!! Atopeite!!!" E sinalaba a ilustración dun moucho nun libro :-)
Foi unha finde moi ben aproveitada: a C. e máis eu descubrimos músculos que non existen para mover partes do corpo inamovibles, fixemos un taller de danza do ventre, encantounos; o Moucho montou e desmontou tendas e acompañou a Z. que pasou dous días das ovellas ós cabalos e dos cabalos ás ovellas; e o X. e a S. fixeron tartarugas de barro, velas de cera, bañáronse no río, pintaron a cara... e todos nos escorremos pola noite nos sacos pola pendente do campiño onde estaba a tenda.
Pasámolo moi ben e acabamos rendidos... o Moucho quere mercar unha tenda para ir de acampada máis veces :-)
lunes 16 de julio de 2007
"Dos nenos hai que gardarse dende o berce"
Isto, díxome miña avoa cando lle contei o caso que segue, era o que dicía sempre miña bisavoa, non a cheguei a coñecer pero teño a sensación de que era unha muller moi sabia.
En casa de meus pais vivía ata hai uns meses unha cadeliña cocker que me regalaran cando eu era nena, chamábase Cookie. A Z. apenas a viu, e dende logo a última vez que a viu non sabía falar. Así que entenderedes a frase do título enseguida...
O outro día botaban pola tele un concurso de Agility e a Z. gozaba vendo ós cans. Cada vez que saía un Border Collie, moi semellante o can dos outros avós dicía: Fecha!! que así se chama. Xando saía algún can de capa parda dicía: Silva!! E de súpeto apareceu un cocker e dixo: Cookie!!!
O Moucho e máis eu mirámonos entre incrédulos e asombrados: Cantas cousas saberán os pequenos e cremos que non se enteran só porque non nolas din? Todo queda...
Z-nario
A Z. está aprendendo a falar a grandes pasos, e case sempre s novas palabras da súa lingua se asemellan ás da nosa, pero ás veces aparece algunha que hai que memorizar para cando a repita lembrarse do que é: estas son os palabros do Z-nario.
Ninico: coelliño
Neneto: teléfono
jueves 12 de julio de 2007
A primeira entrada
Primeiro de nada, e por ser a primeira vez saudarémosvos a todos, aínda que sexades poucos ;-)
Xa vos daredes conta de que maioritariamente as historias serán da Z., pero é que ela fundou os Tartarouchos, como non lle imos dar atencións!!
E fáltavos saber que na nosa casa viven tamén tres cans: Silva, Sacho e Galla; unha gata: Olivia; unha tartaruga de terra, outra de auga e uns peixes cada vez menos numerosos.
O outro día iamos no coche e ela comezou a repasar todo o seu vocabulario, así que tamén lles tocou ós números, totalmente desordeados e repetidos, claro. E eu comecei a dicir números grandes tamén desordeados:
- Trinta e oito, cintuenta e catro, vinteseis, sesenta...
- Senta,senta... Senta Sacho!!
Cando teña outro minutiño cóntovos máis historias.



