lunes, 3 de diciembre de 2007

Un libro e un inquilino

Dende que son pequena lembro este libro nunha estantería da casa de meus pais, e como agora parece que a vea artesana me deu polas agullas, miña nai cedeumo para que o coloque nunha das estanterías da miña casa.

libro herdado

Trae un pouco de todo, de costura, de bordado, de punto de cruz, de ganchillo e de calceta. Puntos básicos, en relieve, calados, puntos de trenzas e cordas, os puntos irlandeses (de Aran), jacquard, calados e algúns patróns para praticar cada cousiña... e isto:

Xersei paisaxe

Paréceme imposible de facer, porque non está bordado sobre o xersei senón tecido así. O traballo debe ser de quedar lelos, e dende logo non apto para o meu cerebro, polo menos neste momento (non quero nin imaxinar sequera facer o esquema)... e se o estabades pensando, si que o poría, é máis gustaríame ter un xersei cunha paisaxe. Si, sonvos así de hortera.

E agora cóntovos o que nos pasou o outro día: fomos de paseo con Nuno, o veciño e a Z. non quixo pasar por diante do parque sen tirarse polo tobogán unhas cantas veces, así que el e Olga marcharon e nós quedamos un bo rato no parque. Facía frío e xa era case noite, así que turrei dela para marchar cara casa, pero non avanzamos dez metros sen berrear, tirarse o chan, pedir colo, pedir empuxar a silla, voltar cara o parque, pedir tetaaaaaaaaaaaa,... e entón apareceu. Un gatiño saiu miañando de debaixo dun coche. Non lles fago moito caso de primeiras porque non é o primeiro que me lanza un mordo despois de achegarlle a man, pero a Z. calmouse e faláballe e o gatiño comezou a cofarse nas nosas pernas. Era moi mansiño... tan mansiño que non fomos quen de despegarnos del, seguíanos coma se fose un cadeliño noso, asustabamolo para que se arredase e por dúas ou tres veces pareceu que marchaba a o deixabamos atrás, pero non, ó pouco volvía aparecer miañando atrás nosa. Seguiunos máis de 500 metros ata casa e como era xa noite non quixen deixalo fora e que acabase debaixo dunha roda, así que quedou toda a noite.
Ó día seguinte, xoves, abrinlle pola mañá e botou máis de media hora metido debaixo dun coche ata que deciciu voltar, así que imaxinei que non sabía voltar á súa casa e puxen un par de carteliños, xa que estaba segura de que era dalgunha casa. A todo isto a Olivia non lle facía ningunha gracia ter a un intruso no seu territorio, e aínda por riba non parecía darse por enterado das súas advertencias e parecía que os bufidos lle resultaban curiosos porque aínda se achegaba a observar máis preto. O venres pola tarde deixei o garaxe aberto para que saíse se quería e cando voltei o gatiño non estaba. Sentinme un pouco mal porque era xa de noite e pensei que igual quedara perdido en calquera outro sitio... e cando entro na caseta a botarlle de comer ós cans estaba alí, subido nunha escaleira e bufando a Silva que acababa de entrar desesperada a polo pienso.
Collino (si, collino e non me fixo nada, un santiño) e volvino meter no garaxe. A fin de semana non ía estar na casa, así que o deixei alí pechado por se esnaquizaba algo dentro. E marchei facendo plans de quen ía quedar co gato, de castralo a semana que ven para que non lle escapara a ninguén nunca máis, quedara con quen quedara (aínda que sospeitaba que ía quedar de compañeiro de Olivia). Cando viñamos onte de camiño a casa no coche chamaron por teléfono preguntando polo gatiño, así que o meu pensamento cambiou de que vou facer con el, a que lles vou dicir que fagan con el.
Hoxe viñeron buscalo, e contaron que non sabían que ían facer con el que lles escapaba seguido, así que tiven a oportunidade de dicirlles que o castraran antes de que marchase ás gatas por primeira vez e volvese enfermo, esfameado e ferido. Non tiven tempo de dicirlles que a media de idade dos gatos da rúa é de oito anos e que os de casa poden chegar ata vinte ben coidados, nin de falarlles do importante da boa alimentación para evitar problemas urinarios no futuro.
Se polo menos consigo que o esterilicen...
Aquí tendes ó gatiño máis bo do mundo, a Z. quedou chorando na porta cando o levaron, e a muller díxo que lle traería un gatiño, agardo que non fose en serio, pero por se acaso díxenlle que xa tiñamos.
Ogallá viva moito tempo...

O gatiño




1 comentario:

  1. el diseño esta muy lindo, hace años aqui en peru hicieron un concurso de tejedoras artesanales,y recuerdo que gano una señora que tejio EL DISEÑO DE MACHU PICHU, la verdad que cuando lo vi, no lo podia creer, creo que ni en punto de cruz seria factible una verdadera obra de arte lamentablemente no recuerdo el año, deberian haber mas de esos concursos son fabulosos

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir