jueves, 13 de diciembre de 2007

Chegou o frío

o frío

Chegan aínda agora as primeiras xeadas de verdade deste ano e eu non sei se é que me fago vella e todo antes parecía mellor, se tamén perdín estes recordos como efecto colateral da oxitocina xunto co resto da memoria que eu tiña ou se realmente as cousas son distintas.

Lembro invernos dende outubro, e agora pásanse os concertos nas festas de manga curta, lembro plumífero, bufanda e gorro dende que comezabamos as clases, lembro as beirarrúas xeadas e a xente baixando pola herba para evitar as cuadas dos que se aventuraban polos lastros crendo que así irían máis axiña, lembro os cristais xeados ó erguer as persianas pola mañá, lembro chegar a casa ou á facultade todos os días cos pantalóns enchoupados e quitalos para poñer no radiador e intentar que secaran para as prácticas da tarde, e aquelas néboas eternas...

Sei que me perdo moitas cousas porque agora vou sempre en coche, pero saimos de paseo prácticamente todos os días polos arredores e nin sequera vexo necesario poñerlle o gorro á Z, e poño o plumas pero por debaixo levo unha camisola de manga curta e non os xerseis de la que levaba antes e que o frío penetraba igual.

Os invernos non son iguais que hai uns anos, uns poucos anos, que eu non levo aínda 10 vivindo aquí, pero xa non me semellan o mesmo. Sei que aínda non é inverno e que queda moito por diante, pero tamén sei que non choveu nin a terceira parte que outros anos a estas alturas.

E sinto moita mágoa pensando que o verán se alonga cada vez máis e nós sentímonos felices de poder gozar dos raios de sol cantos máis días mellor, e se chove un día poñemos mala cara... pero non pensamos nas ovellas que imos visitar todas as tardes e que non teñen herba que comer, nin nos cambios que suporán para moitas especies uns graos máis ou menos nunha época determinada. Sei que son pesimista, pero estou triste pola terra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir