martes, 30 de octubre de 2007

Unha finde cos avós tartarugas

Eu pensaba que tería moito tempo e xa estarían rematados os meus Dashing, pero teño rematado o primeiro, que xa o levara para alí, e 10 voltas do segundo. A avoa tartaruga fíxome un agasallo, as agullas que ela xa non usa (ten pouco tempo e vaille máis o ganchillo) dous pares do 3, un do 3´5 e outro do 5. O caso é que non sei se saberei calcetar coas tradicionais despois de reaprender a base de dobres puntas e circulares... xa veremos, pero o agasallo fíxome moita ilusión.

Celebramos o 80 cumpreanos do bisavó cun xantar, a pesar da familia... ou o que sexa, que tratou de vender "obras" (libros) ós alí presentes... por favor... e nin sequera tiveron a decencia de dicirle que non ó homenaxeado cando fixo un ademán de querer mercar 12 contos tradicionais en castelán e inglés por 699€ (máis os agasallos, claro, que son o que realmente merca a xente que merca querendo algo). E custoume soportar o alarde do moito que le gustaba o seu traballo, que para min consiste en convencer á xente de que merque cousas inútiles con cartos que non ten... un horror.


Houbo un intento de comezar unha discusión política sobre os nomes e Canod Rovira, que non sei por que rematou moi axiña, se cadra porque lles pareceu lóxico que Uxía seguise sendo Uxía e non Eugenia aquí e en onde sexa, por moito que a xente non saiba galego. Ou se cadra por que non tiñan argumentos para defender a súa postura absurda.


Tiven a compaña dunha monologuista duns, calculo polo seu relato, preto de 90 anos, que comía na mesa contigua. Falou de que non tiña fillos por sorte ou por desgracia, pero que lle encantaba velos mamar, que hoxe non se vía moito e antes mamaban ata os cinco anos, cando lles pedían ás nais que se meteran na casa para tomar unha teta ás agachadas. E dixo que a ela lle parecía que ata se lles quería máis dándolles teta. Seguro que isto non é certo, non creo que se lle poida querer máis a un fillo, pero que a relación é diferente, seguro que si. Ademáis falou de moitzs outras cousas que necesitaba contar aínda que non obtivera máis resposta que un asentimento de cando en vez, non necesitaba máis que unha cara á que falarlle.


A Z. pasou a finde co seu entretemento preferido da casa dos avós: os botóns. Déixovos unha foto de setembro que ilustra o momento, sempre é así. Entre os botóns están o seu preferido "o verde pequeniño", e o suave, que tamén é dos mellores. Ó mellor tamén lle van as manualdades cando sexa grande, aínda que me da a min,q eu vai ser de pouca paría, máis moucha que tartaruga.


Fixen a revisión co meu xine que me confirmou que a estas alturas a miña actividade útero-ovárica segue a ser cero, así que sigo desexando que algún día nunha consulta me pregunten cando foi a miña última regra: en marzo... do 2005!!! Jeje. Xa nin me lembro...


Falamos de partos, do que agarda a xente (epidural-non dor) e do pouco dispostas que estamos a escoitar alternativas... levan anos vendéndonos a moto de que o parto sen dor é o mellor, como imos cambiar de parecer en 5 minutos?


E tamén da problemática moral do HPV, que ó ser considerada unha enfermidade de transmisión sexual, aínda que non sexa a única forma de contraela as relacións sexuais, a xente que da un positivo cómose máis a cabeza con que ten un problema coa súa parella que co posible problema da enfermidade. Non se me ocorrera nunca, pero parece que é o que da máis crebadeiros de cabeza... e é que sempre se fala das cousas sen explicalas e a xente non ten por que saber máis.


Intentei ir mercar uns pantalóns vaqueiros e constatei que o mundo está tolo: un luns pola tarde, as tendas cheas, facendo cola nos probadores, as dependentas que so (e non é pouco) dobran pantalóns e non respostan nin unha pregunta, e xa non digamos aquelo de antes de que che levasen tallas ó probador. Agora consiste en coller un número de prendas non maior de 4, facer cola no probador, entrar, desvertirse, probar, se necesitas outra talla dalgunha das prendas, vestirse, saír, coller a prenda, volver facer cola no probador... ou facer cola para pagar, probalo na casa e devolvelo outro día que pola mañá, que á xente non lle gusta madrugar e iso non é tan difícil facelo coa Z. A avóa tartaruga (ou avóa fea, como a chama a Z. polo saúdo cariñoso que lle di ela sempre: Ola fea!!) quedou toda a tarde coa Z. na casa e cando cheguei cargada de bolsas (que xa devolvín) díxome: "Que? Virás relaxada!!" Ja!!! A Z. cansa, pero prefíroo vinte veces ó que fixen esas dúas horas.


Cantas cousas un par de días eh?...e máis que non vos conto. O caso é que, non sei se polo cambio de hora, polo outono en si, ou polo estrés acumulado, pero estou morta, e coa de cousas que teño que facer!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir