jueves, 11 de octubre de 2007

Monicreques

Namoreime doutro mundo hoxe, do mundo dos monicreques.
Fomos ver o "Circus on strings" (circo nos fíos) do ruso Viktor Antonov e marabilleime das cousas que poden facer uns monicreques: dende mover os ollos e a boca cun paxaro cantando sobre o naris do pallaso, ata as pesas do forzudo que movía o bigote para coller folgos antes de poñerse rubio!! co esforzo e recuperar a súa cor normal ó soltalas. Un mago, unha equilibrista, uns malabaristas en monociclo, o pallaso, unha familia de monos, o tragasables no camelo lanzalapas, un oriental coa bailarina de danza no ventre na cabeza.
Imaxinei a vida dese home: deseñando os títeres, creándoos no seu taller, con todos os seus fíos e os artiluxios para movelos; inventando o espectáculo; manexándoos todos el so, tan diferentes e tan complexos; viaxando polo mundo facendo marabillarse a nenos, e máis aínda ós maiores. Coa súa cara amable vin nel a un romántico Geppetto moderno.

A Z. batía as palmas tras cada actuación e seguíaos moi atenta, máis do que pensei en calquera momento, ata a segunda vez que saiu o forzudo. No son do espectáculo gravaran o esforzo que facía o títere para levantar as pesas e semellaba o gruñido dun animal fero a tal volume... pediu teta tremendo de medo e non a quixo soltar máis. A hora seguinte, e incluso cando chegamos a casa e viu ó Moucho, tres horas despois, non facía máis que repetir: "fufudo... que pesa un montón..." ata que lle contabas a historia completa. Creo que a ela tamén lle gustaron tanto coma a min.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir