lunes, 15 de octubre de 2007

Blog Action Day

Saiume un anuncio na páxina de administración do blog e mira ti por onde atopeino interesante.
Que podemos facer nós polo mundo?
Eu creo que moito, so necesitamos información e concienciación.
Aínda onte tiven unha conversa nesta liña coa miña nai, tendes que verme coa roupa de andar por casa (e polos arredores). Cando aquí anda todo o mundo case impecable eu teño a mesma roupa zarrapastrosa de hai anos, cada vez máis deformada e con máis buratos, pero non quero cambiala pola razón principal de que non vai valer para nada se eu a desboto. A roupa poñible pode usala outra xente (non tiredes roupa, levádea a algunha asociación onde a recollan ou revendédea incluso), pero esta so está poñible por min, cando eu deixe de poñela ninguén o fará e acabará no lixo. Sei que hai empresas que se adican a recoller a roupa vella e destrozada (coma a miña) para facer trapos, pero non coñezo de ningunha aquí preto. Non caiamos no consumismo (polo menos totalmente).
Usamos cueiros de tela unha temporada, últimamente a cousa está un pouco parada porque lle quedaron pequenos e non me dei posto a encargar os novos, pero coido que lle afrorramos unha boa cantidade de restos indestructibles ó noso vertedeiro.
Separamos o lixo, non custa nada e ademáis temos un cubo do lixo super práctico e super bonito. É o orgullo da casa, a pesar de que houbo quen se riu de min cando soubo para que era.
O aceite usado gardámolo para levalo a un punto limpo onde o recollen, tárdase moito en xuntar unha boa cantidade e non é traballo levalo cada dous, tres ou catro meses. De todas maneiras sei que hai sitios onde reparten contedores de aceite para as comunidades de veciños, informádevos, e non o tiredes polo desaugue, por favor, en último caso, sempre no lixo.
Agora ademáis imos experimentar facendo xabrón con el, xa vos contarei.
Deixamos de usar suavizante, non aporta suavidade á roupa, polo menos aquí no norte que a auga non ten cal. E no caso de necesitarse pódese substituir por vinagre para quitar o mal cheiro da roupa e bicarbonato para eliminar o cal. O único que fai o suavizante é darlle cheiro, isto pódese fecer cunhas gotas de aceites esenciais, ou metendo xabonciños nos caixóns como as avóas.
Mirar as etiquetas dos deterxentes, hai poucos que non teñan fosfatos, así que con facelo unha vez xa sabes cal mercar para a próxima. Nós agora imos probar estes, a ver que tal resultado dan, xabróns naturais (sempre mellor que os deterxentes) e preparados para usar na lavadora.
Tamén están as noces de lavado, pero a nós non nos van moi ben, supoño que porque lavamos con auga fría, que ó estar nunha casa é aínda máis fría que nun piso.
Se usas branqueadores para a roupa, que non sexan perborato, senón percarbonato, menos contaminantes.
Poñer as lavadoras cheas e escoller o programa axeitado sen usar máis xabrón do necesario.
O do transporte público aquí, e moita carraxe me da, é inviable, pero hai que telo en conta sempre como segunda opción despois das pernas ;-)
Nós facemos algo especial polo mundo e polo aforro enerxético-económico: non pranchamos. Non temos camisas, nin roupa moi enrugable, con estirala ben ó sair da lavadora e tendela ben non é necesario (a xente so se escandaliza cando o dicimos, eu escandalízome de que haxa xente que pranche as bragas e os calcetíns!!!! Paréceme unha obsesión coma outra calquera). Xa vos destes conta de que o digo con sorna, non o facemos porque non nos gusta e non o vemos necesario para a nosa roupa, pero ademáis axudamos.
Intentar mercar as cousas pouco empaquetadas, por exemplo evitar a froita plastificada e con bandexa.
Levar bolsas de tela ou similares á compra, e reutilizar as de plástico para o lixo.
De cando en vez mercar algo ecolóxico, o que nos dea o peto.
Non coller publicidade en papel se pode consultarse en persoa ou vía internet. Usar papel reciclado, reutilizar os papeis usados por unha cara, os papeis de agasallo, os de embalar, os sobres de burbullas.
Hai tantas cousas que podemos facer e que non nos supoñen ningún esforzo adicional, que é incríble que a maioría de nós non as fagamos a estas alturas. Non se trata de facer todo, pero todo o que vos dixen facémolo na casa como parte da rutina normal, seguro que cada un pode atopar as cousas que pode incluir na súa vida para axudar ó mundo e axudar á súa conciencia, non si?

4 comentarios:

  1. Hace años me regalaron una plancha y ahí sigue en su caja tal cual me la dieron y sin estrenar ;P
    La verdad es que los pequeños actos cotidianos si hacen la diferencia!

    ResponderEliminar
  2. Cantas boas ideas tedes os tartarouchos. Moitísimas grazas por compartilas, aprendernos e facernos reflexionar...

    ResponderEliminar
  3. E eu, como dicía a miña Eva... se me rouban a prancha cando naceu Sabela aínda non me tería enterado :oDDD, e mira que a min sempre me relaxou pasalo ferro... o planeta débello ós meus nenos e ó pouco tempo que me deixan para as cousas prescindibles.

    (O cerebro abyecto di: mgcuztgq)

    ResponderEliminar
  4. E os teus nenos débencho a ti e ó Carolo, así que ó final os culpables de axudar ó mundo sodes vós :*

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir