martes, 11 de septiembre de 2007

Fracaso culinario

Esta entrada debería ser de mediados da semana pasada, pero non tiña internete e agora case esquezo que existía...

Levo días con dor de cabeza, pensei que achara o problema cando hoxe pola mañá mirei pola fiestra e me pareceu raro que o sol brillara tanto a pesar desa néboa extraña… Era néboa artificial que desapareceu en canto lavei os cristais dos meus lentes con auga e xabrón (facía meses da última vez). E pareceu mellorar o da cabeza, pero agora volvo estar igual. Son as dúas menos vinte da mañá e eu non teño sono, pero si teño esa dor de cabeza horrible… Igual ten algo que ver coa internet, porque levo dende o luns sen poder mirar NADAAAAAAAAAA, nin o correo, nin outros blogs, nin como rematar o escote do xersei da Z., que a este paso non vai estrear nunca… E todo por un cable de nada, pufff.

Intento encher momentos facendo de todo, acabei a roupa sucia, xa está toda lavada, tendida, secada e case colocada, rematei un calcetín que tiña comezado dende abril, saín de paseo coa Z. e o veciño Nuno, fun de compras, e emocioneime pensando en facer madalenas… Mirei unha receita dunhas muffins de arandos, pero non atopei arandos nin outra baia en ningures, así que desistín e cambiei os arandos por chocolate. Merquei as pepiñas de chocolate que vira outras veces e nunca chegara a utilizar, e cheguei a casa emocionada para facelas (cuns zapatos semi-kickers azuis por 20€, menos 10 do vale que gardaba dende hai un ano, unhas mallas e unhas camisetas, un vaqueiro, todo para a Z., a roupa deste ano é horrible, e un incienso novo de sándalo para variar un pouco do Nag-Champa de sempre e que definitivamente me gusta).

E despois de 40 minutos no forno no canto dos 20 que puña a receita, e de ver que o máis que medraran as madalenas debeu ser 2 milímetros, comecei a sospeitar que algo non andaba ben. Coido que foi culpa miña, que no lugar de darlle ó botón da alarma deille ó do temporizador, e pensei que o correxira poñéndoo a cero e o que debín facer foi apagar o forno… así que dos 200 graos iniciais poucos quedaron os 10 minutos e as miñas madalenas foron un desastre. O Moucho di que non lle diga a ninguén que son madalenas, que son…discos. E que están boas (a pesar de estar crúas, non ter máis que chocolate e medir un centímetro de altas). Tamén di que teño que usar máis o forno para non trabucarme cos botóns. Vale, cociñar non cociño moito, e eran as miñas primeiras madalenas, pero biscoitos teño feito uns cantos… ¿Por que tiña que pasarme isto hoxe?




O caso é que xa se me quitaron as ganas de experimentar. Seino, réndome fácilmente… apuntareino na miña lista de cousas a mellorar (se algún día chego a facela).

Saquei unha conclusión boa desto polo menos: as pepiñas son caras pero dan bo resultado, así que podo usalas para facer o pan de chocolate na panificadora pasando a metade de traballo que as outras veces (destrozando tabletas a martelazos).

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir