sábado, 18 de agosto de 2007

Crónica das vacacións

Pasaron tantos días que xa non me lembro moito do que vos quería contar. Vou intentar facer memoria e facer as crónicas máis axiña para evitar esquecer as cousas.

Tivemos unha boa ración de coche estes días, e coche+Z. é normalmente un tormento. Pero estes días levámolo máis ou menos ben, houbo que facer algunha paradiña, coma sempre, pero a pesar de non ter radio (contareivos isto noutro post, lembrádemo se o esquezo) as viaxes foron do máis entretidas: mamá facía de radio, de contacontos, inventaba xogos cos coches que pasaban… que canso é viaxar sendo nai! O que máis trotamos foron os contos do Cabalo e da Rata Luísa e o seu lazo, que xa sabemos os tres de memoria. Ás veces a Z. avisaba do que tiñamos que dicir cando quedabamos coa páxina aberta e sen dicir nada, ou falando o Moucho e máis eu. E ata nos sorprendeu dicindo o Abur!!! co que se despiden os ratiños.

Cando faltaba media hora para chegar á praia eu xa tiña unhas ganas horribles de vela, ulir o mar, pisar a area e quedarme alí un verán enteiro e díxenllo ó Moucho no coche que me respostou que para que quería tanta praia, se era aburridísimo, ós dous días estabas xa farto. Jeje, media hora despois de pisar a area era el o que estaba facendo plans para o ano que ven para intentar coller 15 días seguidos e alugar un apartamento para ir coa Z. a praia. A súa escusa foi que mola moito máis ir á praia con nenos, que os adultos somos uns aburridos, pero sei que lle mola… e que ten razón. Desfrútase, gózase moito máis das cousas cando tes para mirar a cara dun neno que descobre cousas por primeira vez. Pasámolo moi ben, pero fíxosenos moi curto entre visitas varias e os pouquiños días que eran, menos mal que polo menos acertamos escollendo os días e tivemos sol. Perfeto tamén o ambiente na praia, non sei se será que tanto sacar as tetas a diario acaba por desinhibir o pouco que quedaba, pero nin sequera sentía que estivese espida na praia. E ó Moucho e máis a min fastidiounos horrores que a visita da madriña Anabel (que case queda sen título despois de máis dun ano sen ver á Z. esperta) e a tía Aitana nos fixera abandoar o paraíso e montar no coche, ir a casa a polo bañador e deitarnos na area da praia do lado. Xa van ven anos e non son quen de convencelas para que veñan sequera unha vez, vestidas, connosco e que poidan dicir que non lles gusta e que realmente se sinten incómodas. Non se imaxinan o diferente que é o ambiente noutras praias. Síntome máis observada e máis incómoda levando un minúsculo anaco de roupa e controlando que nada asome por un resquicio, que totalmente espida nestoutra praia. En fin, supoño que é unha batalla perdida e que se quero ir con elas á praia os que teremos que ceder seremos sempre nós, pero non me parece xusto.
Un fallo que tivemos, bueno tíveno eu por inxénua, foi que decidín levar de viaxe so a patapum por se iamos andando á praia, porque era moito máis cómoda a mochila, así que a bandoleira quedou na casa. Que error tan grande!!! Fágovos a advertencia por se se vos da o caso: Non vaiades á praia (e creo que da igual que sexa nudista ou non) sen a bandoleira se tendes unha nena de 19 meses totalmente tetadicta porque é un suplicio para as vosas costas. Pufff, farteime de pasear con ela pendurada, pero encantoume… a ratos.

O sábado quedaramos en ir ver a Loli, máis para falar con ela que para ver ó seu pequeño Iván, do que nin sequera temos unha foto. O día que se puxo de parto o pai deixouna, aínda que a cousa viña de atrás. Eu non me meto neste tema, que está moi quente aínda (o neno naceu hai 15 días), pero so vos conto o que me doeu escoitar de boca dunha nai que se alegraba que lle romperan a bolsa porque era mellor para o neno, que se non se daba encaixado e non baixaba, e que aínda por riba o fixeran ás agachadas e enganándoa, que eran moi pro-parto natural nese hospital no que lle puxeron a epidural en canto puideron, que o equipo de lactancia era o mellor e pareceume entender que o neno estaba no “nido” porque ela lle baixaba o leite cada 3 horas, pero as enfermeiras insistían en que non se preocupase se non tiña que non pasaba nada por darlle un biberón, que non o ía confundir co peito, e que mellor lle dera coas pezoneras por mor dos seus pezóns invertidos (que vin en directo totalmente evertidos). Dicir a todo isto que o neno estivo deshidratado e quedou máis días no hospital, sospeito que por mor de certos horarios e non de non ter leite… en fin, que me alegro de que a nai o viva ben, pero me fastidia que o viva ben crendo o criterio de profesionais que o único que fan é crear inseguridades con respecto ó corpo da nai e do seu fillo: se non intervimos non es quen de parir, se non usas pezoneiras non es quen de lactar, se non tes leite xa lle damos biberón… a merda de sempre.


Ese mesmo día pola mañá pensabamos ir á praia, pero había néboa e decidimos facerlle unha visita a Marcos (da praia) e ó seu neno Raúl de 8 meses, que é enooooooorme e o pobre estaba cun brote de dermatite. Contounos que se volvían tolos co que lles dicía cada médico e que optaron por ir a un so, que polo menos lle daba ó neno unhas gotas para durmir :-S. No ratiño que estivemos con eles a Z. pediu teta e fíxome gracia que Marcos me preguntou ata cando lle dera... Pensei que o preguntaba porque non sabía como sacar o tema, porque era obvio que estaba mamando, pero uns días antes outro home me preguntara, tamén véndoa na teta, se aínda lactaba. Así que imaxino que se referían os dous a se eu aínda tiña leite, pensarían que lle daba a teta por "vicio"...


Ó día seguinte de chegar a casa fixo sol (antes de que volvese chover) e puidemos estrear a piscina que nos regalaron Aitana e Anabel xunto cunha pizarriña. Déixovos outra fotiño para que as tías queden contentas cando a vexan.


Por certo, podedes deixar algún comentario cando nos visitedes que así sabemos que nos lestes.







No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir