lunes, 23 de julio de 2007

Cousas inesperadas

Os fillos están deseñados para gustarnos a cada paso que dan: cando son recén nacidos, tan indefensos, tan necesitados de nós, provócannos sensacións incribles; cando empezan a fixar a súa mirada gústanos; cando collen cousiñas coas mans a vontade comémolos; cando comezan a gatear e despois a camiñar... que orgullosos estamos!! A cada avance que dan, os pais sempre dicimos: "Esta época é a mellor..." seguro que cando pasen todas temos algunha favorita, pero a min de momento o que máis me gusta son os avances inesperados.
Explícome: todos agardamos certos momentos da súa evolución: cando comezan a gatear, a andar, a falar,... Pero hai outros dos que ninguén nos fala e que son taaaaaaaaan taaaaaaaaaaaan taaaaaaaaaan... ¿gozados? Non atopo a palabra, pero seguro que sabedes a sensación á que me refiro.
Coa Z. gocei enormemente cando comezou a levantar os brazos en direción ás mangas da camisa, ou cando cambiou a primeira vez (e a segunda) de man ó gatiño para poder vestila, cando colleu un dos seus queridos "nenés" (que eu tanto aborrecín toda a miña vida) e o acunou e me mandou darlle teta para que non chorase (snif, snif... Hai que dicir tamén que agora toma teta todo, pero todo todo, incluindo a coleción completa de animais de peluxe, coches, bloques de construción, un pau, un peladillo, ...), ...
Últimamante estou a descubrir os momentos pola noite nos que non durme coa teta pegada á boca (que son poucos pero comezan a existir), toma un pouco e despois sóltase e ás escuras repasa todo o vocabulario: atulll, chila, peiches, moto, tinco, tesss, un, peneno, memello, mamelo, panco, tacho, tutúas, ... e así pode estar media hora, mentres eu teño un sorriso imborrable que seguro que se puidese ver a desconcentraba do seu repaso.
Tamén me marabillo da habilidade de escoller o xogo que pertence a cada persoa: cos avós mouchos pregunta polo galo e os "ninicos", cos avós tartarugas polos coches que se ven dende a terraza, e a avóa dille coma ela: "Ola fea!!!", á tía Lú ponlle unha mirada medio revirada e agarrando o primeiro que atopa solta "mío!! mío!!", sabe como contan papá e mamá cada conto e a cada un esixelle o seu, a papá pídelle que lle dea co pé á "patapa" en canto a colle no colo e a mamá nuuuuunca...
Cantas cousas temos por descubrir... aixxx.

Somos únicos os tartarouchos... ou non tanto?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir