sábado, 28 de julio de 2007

Adeus mincha, ola medos

Por fin, despois de esquecer a cita o 4 de xuño para a vacina, e con case 19 meses, fomos á revisión dos 18. Tocaban dúas vacinas, unha delas púxolle todo o muslo inflamado á pobre, tanto que non quixo quitar a "etiqueta" e anda cun anaco de esparadrapo aínda colgando e en non moi bo estado, pero eu non penso quitarllo. O caso é que ademáis das vacinas, coma sempre, medírona e pesárona. Suponse que isto debería ser unha medida de control para detectar enfermidades (se un neno non medra ou adelgaza durante unha temporada haberá que buscar posibles enfermidades), pero pola contra convertiuse na base da pediatría moderna: hai que mirar se o infante "pesa e mide o que se supón que debería pesar e medir". Nós non temos demasiado problema coas nosas enfermeira e pediatra, sospeito que, en parte, porque sabe que temos as cousas moi claras e que estamos informados. O caso é que desta vez sorprendeume que me felicitase polo ben que ía a nena, cando normalmente o comentario é un "todo ben", máis ben seco, insinuando que sempre se pode mellorar. Cando o Moucho chegou a casa preguntoume que vacinas lle tocaran desta vez, e eu fun a pola cartilla e de paso curioseei na táboa dos famosos percentís (e non a actualizada para nenos de peito), e que sorpresa!! Entendín entón a efusividade da enfermeira cando vin que a Z. pasara do seu percentil 10 raspadiño dende que naceu (é que saíu ó pai, jeje) ó 25 pasado, en 3 meses. Pero como dixo a "sabia" enfermeira, sempre vai moi compensada porque está no 25 de peso e de altura. Vaia, que deu un estirón, ou os demáis nenos tiveron unha paradiña. En fin, curiosidade aparte, dame mágoa non poder dicir máis iso de "é que é miudiña... a miña mincha".

E seguindo coa revisión, outra cousa que me sorprendeu gratamente foi a información da enfermeira sobre a etapa: "xa verías seguramente que é unha época complicada: que o que queren agora con toda a súa alma dentro de 5 minutos non o queren ver diante, ou quéreno pegado durante 2 horas... pero hai que ter paciencia, que todo pasa". Poissss un puntiño máis para a enfermeira Susana.
Do que non nos dixo nada foi dos medos, tamén hai unha etapa dos medos? A Z. (non o vou dicir moi alto) ven de superar un medo terrible á bañeira, que durante varios meses fixo que so usase a ducha e algunha vez a bañeira en compañía. O caso é que de súpeto un día decidiu que bañarse cunha pelota podía estar ben, mirou un pouco mal á alfombra no primeiro momento, pero levamos días indo felices ó baño, e sen necesidade de compañía... Pero semella que ese medo trocouno por outro: as motos. Co que lle gusta velas cando vai no coche!! Puido ser o outro día, que un repartidor subíu á beirarrúa pegado a nós... Dende entón asústalle calquera ruido de motor de vehículo (a pesar de que diferencia claramente un coche dunha moto ou dun tractor), cos días tan bos que, por fin, estamos tendo, a pequena non quere saír fora se non é no colo, así que nin xardín, nin auga, nin paseo, nin nada de nada, enclaustradas ou a gastar cartos no súper. Cantos medos máis nos quedarán por superar?

1 comentario:

  1. ¿E nós seremos quen de superar os nosos medos ou estarán aquí para quedarse...? Quen nos dese unha enfermeira Susana que nos avisase de que todo pasa...!

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir